Wednesday 24 de April de 2024

O alcalde entregou os premios aos gañadores do II Concurso de Fotografía a Laracha no Obxectivo


A imaxe que obtivo o primeiro premio na modalidade “Xeral” será empregada na felicitación de Nadal institucional do Concello da Laracha.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Turismo, Patricia Bello, fixeron hoxe entrega dos premios aos gañadores da segunda edición do concurso fotográfico A Laracha no Obxectivo, dotados cun total de 1.500 euros.

O acto desenvolveuse no Salón de Plenos da Casa do Concello. Cada galardoado, ademais da gratificación económica, tamén recibiu unha copia impresa en cartón pluma da súa fotografía gañadora.
Na modalidade “Xeral” o primeiro premio (dotado con 600 euros) foi para a foto titulada Caión é luz, de Samuel López, unha espectacular imaxe aérea da península que conforma Caión tomada co obxectivo dun dron que sobrevoou a vila ao atardecer, xusto coincidindo co acendido das luces da iluminación pública.

O alcalde, José Manuel López Varela, avanzou que esa imaxe será empregada polo Concello para a felicitación de Nadal institucional deste ano.

O segundo premio (400 euros) foi para Reflexos, de Antonio Fernández Martínez, pola foto da praia de Caión na que se reflexa no mar a igrexa parroquial de Santa María do Socorro.

O terceiro premio (250 euros) concédese a Outono en Laracha, instantánea tomada por María Eugenia Pereira no paseo fluvial do río Anllóns na que destacan as cores do outono, a pasarela de madeira e, ao fondo, o muíño.

Nesta modalidade “Xeral” presentáronse un total de corenta e sete fotografía de dezaoito participantes diferentes. O xurado estivo formado por Raúl Lorenzo, profesional do sector audiovisual, Guillermo Iglesias, tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM, e Miguel Ángel Riveiro, técnico de turismo do Concello.

Na modalidade “Redes Sociais” a imaxe gañadora foi Lusco e fusco, de Ana Ruiz Amigo que non puido asistir ao acto celebrado hoxe. A súa fotografía da praia de Caión obtivo 809 gústames durante os dez días de prazo no que calquera internauta puido votar na páxina de Facebook de Turismo da Laracha. Na publicación do álbum de fotos coas 22 imaxes participantes recibíronse un total de 4.320 interaccións.